COLMEIRO "MANUEL COLMEIRO GUIMARÁS" [Chapa, Pontevedra 1901 -1999]
O intimismo, o concepto lírico dos ambientes, un bucolismo sempre dominante caracterizan a obra deste grande pintor, identificado coa Escola Española de París, da que formou parte como membro destacado, aínda que ó cabo sexa galego, galeguísimo, en canto o seu pincel ambienta, crea e personaliza.
Iniciou os seus estudios en Bos Aires, aínda que en realidade carece de formación académica. Foron compañeiros seus o arxentino Demetrio Urruchúa e os españois Audivert e Plana Casas.
Realizou a súa primeira exposición en Vigo, iniciada na segunda metade da década dos vinte. A Deputación Provincial de Pontevedra concedeulle unha pensión para estudiar en París, onde estableceu a súa residencia durante moitos anos. De regreso a España recluíuse na súa casa da aldea de San Fiz, preto de Silleda, aínda que a súa presencia en Vigo é frecuente.
Fixo exposicións en numerosas cidades do mundo. De carácter antolóxico tívoas no Museo de Arte Contemporánea de Madrid, en París e noutras cidades importantes.
Está representado en museos de todo o mundo e conta con salas monográficas no de Vigo. Rexeita o museo persoal malia estar disposto a colaborar coa súa obra nun grande museo de Galicia, á creación do cal lle prestaría todo o seu apoio.
Colmeiro é un home sinxelo, exquisito, en apariencia coitado. A súa pintura parte dos modos postcezannescos e en certa maneira queda sempre patente a influencia francesa das consecuencias do impresionismo, aínda que, onde queira que teña residido, Colmeiro é sempre o galego esencial, directo, quen de volver unha e outra vez ós seus temas de sempre: feiras campestres, escenas do traballo rural, faenas domésticas, entre as que destaca a elaboración do pan. As súas paisaxes e bodegóns chegan á pura síntese formal e constrúense directamente coa cor, en gammas de extraordinaria fermosura, con verdes brillantes, rosas, azuis esvaídos e carmíns atenuados.
Inimigo do protagonismo, rexeita homenaxes, xurados, e calquera outra forma de exhibición persoal. Adoita traballar en varios cadros ó mesmo tempo, porque lle gusta "quenta-las teclas", nun proceso mental perfectamente graduado, case orquestral, pese a que a súa música, deliberadamente, é de cámara, sen ningunha ampulosidade.
O seu debuxo é esquemático, en apariencia ríxido, e, sen embargo, moi seguro.
De tódolos xeitos, é un pintor absoluto, apaixonado pola cor, de mancha ampla e meditada, empregando un grafismo preciso e sabio.
BIBLIOGRAFIA
-Campoy, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporaneo.
Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1975.
-VV. AA.: Un siglo de pintura gallega, 1880/1980.
Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984.
-Castro, X. Antón: Colmeiro, Monografía.
IX Bienal Nacional de Arte.
Pontevedra, 1987.
-Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes.
Vigo, Concello, 1992.
-Pablos, Francisco: Plástica gallega.
Vigo, Caixavigo, 1981.
-Castro, X. Antón: Renovación e avangarda en Galicia. (1925-1933) Pontevedra, Diputación Provincial, 1986.
-Colmeiro/Picasso: Cuaderno de la IX Bienal Nacional de Arte.
Pontevedra, Diputación Provincial, 1987.
-Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia.
A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
-Bonet Correa, Antonio: Manuel Colmeiro.
Vigo, Edit. Galaxia, 1954.
-Ilarri Gimeno, Angel: Catálogo do Pazo Museo «Quiñones de León» Vigo, Concello, 1978.
-Diccionario de pintores españoles contemporáneos.
Madrid, Edic. Estiarte, 1972.
-Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX.
Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1970.
- X. Antón Castro “Manuel Colmeiro”. Monografías da Arte Galega, Galaxia 1994, p. 32.
-Carmen Parada “Lugrís y Colmeiro: de la pared al lienzo” La Voz de Galicia, 5/12/1991; Pablo López “Lugrises de las paredes, y la Primavera de Colmeiro” Faro de Vigo, 16/2/1992 coa obra reproducida con fotografía de Magar; VV.AAA. “M. Colmeiro a través da súa obra” catálogo da antolóxica de 99 reproducido na p. 127; conversacións mantidas con Teresa Orrio desde o seu taller de Compostela en 1999.