CONDE CORBAL "JOSÉ CONDE CORBAL" [Pontevedra 1923]
Inqueda, multiforme, bohemia personalidade é a deste artista, con dedicación exclusiva á pintura, en data relativamente tardía. Empezou as carreiras de dereito e Ciencias Químicas en Compostela, pero non rematou ningunha. Traballou na cerámica e na minería; colaborou en diversos xornais, con expresivos debuxos, entre os que sobresae a serie titulada "El Orense perdurable", que aparecía en "La Región" nos anos sesena, con textos de Vicente Risco, de quen o pintor foi amigo íntimo.
As súas expresivas augatintas, con trazo directo, nervioso, capaz de sintetiza-la realidade con grande dinamismo, coleccionounas en varios cadernos, coma os que levan por título, "El Orense perdurable", xa citado, "Pontevedra Monumental", "Orense Monumental", "Cruceros, petos y santos", "Pontevedra, la tierra y sus gentes", e "Pazos de Pontevedra", polos anos sesenta e setenta.
Gravador cunha técnica moi persoal realizou series de considerable interese verbo de moi diversos temas de Galicia, que van dende a interpretación da obra novelística e dramática de Valle Inclán deica a fauna e a flora. Realizou numerosas exposicións en Galicia, en diferentes cidades de España e no estranxeiro. Esta representado en tódolos museos galegos; o de Vigo conta cunha excelente colección das súas augatintas sobre temas de Valle-Inclán, cedida temporalmente ó Rectorado da Universidade viguesa.
Conde Corbal é un expresionista de grande efectismo dramático, que basea a súa pintura na realidade máis directa, da que é deliberadamente testemuña e ata denunciador e panfletario, se ben canto toca está dotado de sensibilidade plástica, con alentos que o queren achegar ós grandes debuxantes, dende Goya a Daumier. Ten traballado o óleo, gouache e o gravado, pero no que máis destaca é na faceta de debuxante, arrancándolles ó negro e ó gris tonalidades de grande plasticidade e cromatismo.
BIBLIOGRAFIA
-Vangardas e silencios. Compostela, Xunta de Galicia, 1988.
-Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
-Pablos, Francisco: Colección Adriano Marqués de Magallanes.
Vigo, Concello, 1922
-Gran Enciclopedia gallega. Vol. 7.
Gijón, S. Cañada Edit., 1974.