ANTONIO GARCÍA PATIÑO[A Coruña 1930]
De excepcional personalidade artística e humana, Antonio García Patiño non é moi coñecido no seu propio país. É militar de profesión, aínda que á pintura lle entregou longos e fructíferos afáns. Non adoita falar da súa vida, ata o punto de que na monografía que sobre a súa pintura realizou Xavier Costa Clavel non consta nin a data do seu nacemento, aludindo unicamente, nun ton de conversa, a que é da Coruña. O seu prestixio está moito máis enraízado en Cataluña.
A súa profesión levouno a residir en varios lugares da España peninsular e africana. O primeiro premio da súa carreira acadouno en Melilla, en 1957. Expuxo individualmente na Coruña en 1961 e dende aquela percorreu toda España coas súas exposicións.
Está representado no Museo de Arte Contemporánea de Barcelona, no de Pontevedra e noutros de España e do estranxeiro.
García Patiño, do que o segundo apelido fixo que se confundise con outros artistas de apelación coincidente -polo menos outras catro-, é multiforme, cambiante. De tendencia expresionista, latexan nel dúas veas, a relixiosa e maila irónica, igualmente profundas e condicionantes. Posúe un debuxo esquemático e seguro, moi expresivo, no que cimenta a súa cor, con dominio do negro. Gústalle tanto o Románico coma Rouault, así como o vitralismo gótico e as expresións autóctonas sudamericanas.
Tivo unha etapa inicial "negra", a base de fortísimo trazo que compartimentaba as figuras; outra foi de micropuntillismo, caracterizándose por se-la máis fantasiosa, case onírica. Os touros, os cabalos, os seres imaxinarios co mundo esotérico interesáronlle moito, e mesmo a cerámica coa que realiza deseños moi personais. En calquera caso, é sempre un expresionista, sintético, eficaz e de grande contido emotivo. As máis vellas culturas, a exipcia, as precolombinas, o bordado popular, a pintura de Francia dos anos de principios de século, os vitrais das grandes catedrais, todo o aprehende, o sintetiza e engule este grande artista para darnos á fin a súa obra persoal, inconfundible, de execución asemade elemental e complexa porque o proceso mental que a conduce é certamente extenso.
BIBLIOGRAFIA
-Costa Clavel, Xavier: Patiño. Compostela, Edic. Sotelo Blanco, 1990.