XAVIER POUSA "XAVIER POUSA CARRERA" [Goián, Pontevedra 1931 - Vigo 2000]
Discípulo na súa mocidade do mestre Antonio Fernández, paisano seu e quen probablemente decide a súa vocación, cursa a carreira superior na Escola de Belas Artes de San Fernando e posteriormente na Academia de Munich, en Alemaña.
Residiu algún tempo en Ourense, onde se relacionou cos compoñentes do grupo que Vicente Risco denominou "Os Artistiñas", a principios da década dos sesenta. Formou parte dos xurados da Bienal de Pontevedra e é membro do comité asesor de arte de Caixavigo, institución á que lle fixo importantes doazóns.
Viaxou por todo o mundo e obtivo premios e distincións. As súas exposicións adoitan distanciarse bastante, se ben a súa presencia en cidades de Galicia e mais en Madrid, na prestixiosa sala Macarrón, é periódica. En 1994 Caixavigo dedicoulle unha das súas mostras de "Grandes Artistas Galegos".
Está representado en tódolos museos de Galicia e mais en moitas coleccións institucionais e particulares.
Pousa cultiva un impresionismo de carácter lírico e evocador. É, por riba de todo, un paisaxista, continuador dos modos de Monet, a quen admira. Colorista rico, intenso e asemade delicado, constrúe as súas paisaxes cunha pincelada de coidado grafismo, case de caligrafía. A súa mancha é grumosa e ponderada. É dos pintores que entende que o tema que se escolle é a desculpa para pintar, para recrearse na luz e na cor. Ocasionalmente retratista e muralista, pon de manifesto, en ámbolos aspectos, o bo debuxante que é.
BIBLIOGRAFIA
-Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia.
A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
-Pablos, Francisco: Plástica gallega.
Vigo, Caixavigo, 1981.
-Pablos, Francisco: Xavier Pousa e Buciños.
Santiago. Xunta de Galicia, 1993.
-Pablos, Francisco: Xavier Pousa, pintor de la frescura intemporal. Vigo, Caixavigo, 1994.