DIEGO GIRÁLDEZ "DIEGO GOMEZ DE GIRÁLDEZ" [A Cañiza, Pontevedra, 1959]
Inconfundible é a obra deste pintor, hiperrealista e, sen embargo, a miúdo onírico. Fillo dun mariño, vive a súa nenez na vila natal nun eido case campesiño. Ós oito anos a súa familia trasládase a Vigo, concretamente á rúa Real, cunha peculiar arquitectura decimonónica entre a Colexiata e o barrio mariñeiro do Berbés. Diego queda orfo de pai. Un ano máis tarde, xa se interesa polo debuxo e a pintura. Súa nai aléntao nesta vocación e lévao a Madrid para que visite o Museo do Prado outra vez- xa estivera nel cando aínda vivía seu pai. O neno devora libros de Medicina, sobre todo os de Anatomía. Canto á pintura, traballa con pasteis, desexando domina-la técnica, que se converte nel nunha paixón case enfermiza.
A súa primeira exposición realízaa en Vigo, en 1975, acadando un éxito sorprendente.
Salta a Cataluña, confirmándose alí a boa acollida que tivera. Repite incansablemente as exposicións en toda España, ata o punto de que non debe quedar cidade ou vila importante nas que non teña amosado a súa obra.
Viaxa por Europa e pasa longuísimas xornadas nos museos. Chega a coñecer a fondo a Velázquez, Zurbarán, Goya. A súa obra seleccionárona para a mostra colectiva denominada "Maestros del realismo español de la vanguardia". Expón no estranxeiro, sorprendendo sempre a peculiar actitude plástica que adopta, cun impresionante verismo nas súas representacións, nas que, sen embargo, hai unha fantasía evidente así como un inquedante misterio implícito.
De Suíza a Portugal a súa obra gaña prestixio; recibe os eloxios do grande crítico, morto prematuramente, Santiago Amón, adquiríndoa museos de España e do estranxeiro. En certo modo é único, irrepetible, o seu modo particular de emprega-lo pastel mesturado con óleo en barra. Giráldez é un realista diferente. Cando plasma un obxecto, unha cousa doméstica -un vaso, un ovo- a súa representación, como acontecía con Zurbarán, sepáraa do mundo común para volvela maiúscula e ser unicamente el, O Ovo, o Vaso, O Excmo. Sr. Ovo, humilde e magnificado.
Os seus cadros relixiosos representan un mundo diferente, táctil e obsesionante. Os seus galos mortos semellan viviren nunha imaxinaria taxidermia. A deliberada desproporción entre os obxectos representados condúcenos a un surrealismo tamén peculiar.
Desde a máxima exactitude referencial, a pintura de Diego de Giráldez é inquedante, capaz de conmove-lo espírito menos sensible.
BIBLIOGRAFIA
-Faraldo, Ramón: El mundo de Diego de Giráldez.
Lugo, Diputación Provincial, 1991.
-Pablos, Francisco: Diego de Giráldez y su realismo.
Pontevedra, Diputación Provincial, 1990.
-Pablos, Francisco: Plástica gallega.
Vigo, Caixavigo, 1981.