SALVADOR CIDRÁS "SALVADOR CIDRÁS ROBLES" [Vigo, Pontevedra, 1968]
Un dos artistas novos máis discutido pola súa peculiarísima concepción da expresión plástica, por completo afastada de calquera camiño tradicional.
Pouco despois de supera-los vinte anos conseguiu unha bolsa de estudios de creación da Asociación de Artistas Plásticos de Pontevedra. E inmediatamente destacou en diversos certames, como Arte Xove Galega, e decimosegunda edición da Bienal de Pontevedra, para saltar ó taller da Colonia, en Alemaña, e a Irlanda cunha bolsa de estudios Erasmus. Foi primeiro premio no certame Malvar de Compostela, en 1995, no do concello en Cambre e no de Artes Plásticas Díaz Pardo, auspiciado pola Deputación coruñesa.
Comezou a expoñer colectivamente en 1991 e participou con éxito en varias edicións da Mostra Unión Fenosa. A súa obra exhibiuse en varias cidades de España, foi adquirida para prestixiosas coleccións, entre elas a de Coca-cola, cunha mostra itinerante que percorreu varias cidades.
Aínda que fundamentalmente se dedicou á expresión en dúas dimensións, tamén cultiva a escultura, nun mundo sorprendente de suxestións que ten a súa raíz no surrealismo, e no que o común e ata rexeitable, intelixentemente combinado, sorprende e desacouga ó espectador.
Máis ca pintura propiamente dita, a obra de Salvador Cidrás é suxestión, reflexión, alarde inventivo. É o común nunha situación inesperada, sexa un motivo vexetal atravesado por unhas franxas paralelas ou o fragmento dun plano urbano, ó que aplica un simulado relevo, de maneira que se transforma nun obxecto insólito. De aí que insistamos en que ten raíces sobre todo do surrealismo, con aproximacións a Picabia e acaso Man Ray, non a Dalí ou a Ernst, moito máis elaborados e barroquistas. Non é onirismo, raíz do surrealismo máis ortodoxo, senón razón e anticonvencionalidade.
En principio, non é fácil aceptar que estes exercicios tan inesperados sexan expresión plástica. Sen embargo, constitúen un mundo propio a modo de síntese dunha cultura actualísima e ata futura, na que o cotián está superado desde a reflexión.
BIBLIOGRAFIA
-González Alegre, Alberto: As naturezas distanciadas de Salvador Cidrás. Ourense, Galería Marisa Marimón, 1966.
-III y IV Mostras Unión Fenosa.
A Coruña, 1993 y 1995.