JORGE CASTILLO "JORGE CASTILLO CASALDERREY" [Pontevedra 1933]
O máis internacional dos artistas vivos de Galicia pasa a súa nenez en Arxentina, onde o seu pai, negociante e viaxeiro impenitente, tivo que ir por razóns políticas e onde vai morrer en plena guerra civil española.
A sensibilidade do futuro artista maniféstase dende os seus primeiros anos, pois debuxa incansablemente e realiza unha serie de ilustracións inspiradas nos relatos de "Corazón", de Edmundo de Amicis, libro naqueles anos de divulgación considerable.
Jorge Castillo, estudiante irregular, inicia traballos manuais e escribe relatos. Un accidente na rúa lévao a traballar nunha industria mecánica, na que aprende debuxo técnico. Empeza a coñece-la pintura contemporánea e le incansablemente. A partir de 1950 dedícase intermitentemente á pintura e traba amizade con galegos notables residentes en Bos Aires, Laxeiro, Colmeiro e Seoane.
Permanece en Arxentina ata 1956, ano no que vén a España e cumpre o servicio militar en Zaragoza, aproveitando o tempo libre para pintar. En 1958 faise amigo de Juana Mordó, daquela ó cargo da galería Biosca.
Relaciónase con artistas españois de fama, que empezan a admira-la personalidade do mozo galego americanizado.
Espalla inicialmente o seu nome a París e fixa a súa residencia en Barcelona, onde casa en 1961, enviuvando dous anos máis tarde. Instálase en París e coñece á italiana Marienza Binetti, que durante anos vai exercer unha intensa influencia no artista, retratándoa este incansablemente.
A súa obra abre camiños en toda Europa e mais en Nova York nos derradeiros anos da década dos sesenta. O seu tríptico, de grandes dimensións, que leva por título "Palomares", sobre a bomba atómica que perderon os norteamericanos en augas do baixo Mediterráneo, acada fama mundial.
En 1969 invítano a residir e traballar durante un ano en Berlín, onde realiza numerosas pinturas, gravados e esculturas. Nos anos setenta a fama de Castillo consolídase e as súas exposicións organízanse nas principais galerías do mundo, o que dá lugar a que escriban sobre Castillo os críticos máis importantes. En 1977 aparece a primeira monografía sobre o artista galego da man de Werner Haftmaum. En 1982 vencéllase á célebre galería Marlborough, árbitro da arte contemporánea en Estados Unidos.
Aparecen novas monografías en diversos países, entre elas a que elaborou Carter Ratcliff. As súas esculturas instálanse en lugares públicos das máis importantes cidades do occidente europeo. En España conságrase definitivamente coa publicación da citada monografía de Ratcliff polas edicións "La Polígrafa".
Importantes museos adquiren obra súa, o Guggenheim de Nova York, onde o artista fixa a súa residencia e ten un amplo estudio.
Na súa cidade natal, Pontevedra, unha sala especial durante a celebración da Bienal, en 1988. A citada galería e o Meadous Museum de Dallas, Texas, dedícanlle grandes exposicións, que se repiten en Barcelona e Santiago de Compostela durante o ano 1990.
A obra de Jorge Castillo figura en museos de todo o mundo, donde Estados Unidos a Jerusalén. Compostela será sede do seu museo permanente, por acordo do artista coa Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.
Castillo é un debuxante excepcional e un artista de exquisita sensibilidade. As súas gammas neutras, nas que abondan negros, terras e ocres danlle á súa obra un estrano misterio. Parece que quere inquedar ó espectador, esas criaturas sinópticas, en espacios baleiros ou indefinibles. O mundo onírico ten gran importancia en Castillo, a figuración do cal está moi idealizada e acode con frecuencia a un deliberado infantilismo que o emparenta coa chamada "Arte pobre". Achégase ó surrealismo, do que parten moitas das súas creacións, aínda que tamén está preto, ás veces, dun certo hiperrealismo moi persoal.
Hai unha etapa en Castillo puramente testemuñal aínda que subxectivizada, nos seus cadros de Nova York, onde a asoballadora perspectiva das arquitecturas xigantes desta cidade é unha desculpa para exercicios plásticos inconfundibles.
Tanto coma a súa pintura importan a súa escultura e a súa obra gráfica, probablemente o aspecto que máis o divulgou en eidos internacionais. É sempre, tecnicamente, un mestre impecable, e calquera influencia, nel son múltiples, transfórmaa ó fin na súa propia personalidade.
BIBLIOGRAFIA
-Brackert, Gisela: Eine neue Ära.
Frankfurt, 1969.
-Goerg, Charles: Jorge Castillo, obra grabada.
Geneve, 1971.
-Haftmaun, Erner: Castillo.
Barcelona, Edic. La Polígrafa, 1977.
-Ratcliff, Carter: Castillo, dibujos.
Barcelona, Edic., La Polígrafa, 1984.
-Subirats, Eduardo: La flor y el cristal.
Barcelona, Edic., Anthropos, 1986.
-Pablos, Francisco: Plástica gallega.
Vigo, Caixavigo, 1981.
-Campoy, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973.
-VV. AA.: Castillo, Catálogo das exposicións antolóxicas. Barcelona. Compostela. Concello. Xunta, 1990.
-M0 Lluïsa Borrás "Tempos de New York", catálogo da exposición de Castillo, patrocinada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Generalitat e o Ajuntamiento de Barcelona, en Santiago de Compostela, 1990.
-Jorge Castillo "Castillo", introducción ó catálogo da exposición que tivo lugar no Museo do Pobo Galego, Casa da Parra e Casa da Conga en Santiago de Compostela, 1990.
-Sepp Hiekis-Picard "Jorge Castillo, o gravador" no catálogo da exposición do Castillo organizada pola Xunta en colaboración coa Generalitat de Cataluña e o Concello de Barcelona, en Santiago en 1990.