PATINHA "MANUEL ANTONIO DASILVA MARQUES" [Póvoa Santairía, Portugal, 1949]
Vencellado a Galicia, onde se formou como artista, reside nunha vila da costa norte. Os seus inicios relaciónanse co artista portugués Cruceiro Seixas.
Patinha, tamén pintor, gravador e debuxante, pasou por diferentes etapas ata atopa-la súa auténtica personalidade, inconfundible no seu mundo antropomórfico, de expresividade e elegancia notables, a partir dun xeometrismo un tanto encorsetador.
Realizou exposicións en diferentes cidades de Galicia e de Portugal, unha aínda recente, excepcional, nunha galería privada de Vigo, na que os seus bichos, vagamente humanoides, mostraban o alarde arestado de curvas e estilizacións, ou atraía coas súas series de relevos. O ferro é a súa materia, e na chapa dese material consegue expresión e beleza verdadeiramente fascinante.
Dalgunha maneira hai surrealismo na obra de Patinha, aínda que exquisitamente decantado. Xoga co ferro cal se se tratase de materia facilmente modelable. Planos curvados, arestas, masas firmes xunto con alardes de estilización. A obra deste lusitano galeguizado é a dun creador moi imaxinativo, que pide espacios ó aire libre, para impoñe-la súa condición paradóxica, posto que é rotunda e elegantísima. Ou pode impoñer silencio na combinación de superficies pulidas e planos incididos cicelados. Nunca é caprichoso. Polo contrario, na súa obra sempre poden buscarse referencias humanas, que o escultor fantasea, transforma, abstractiza, porque tamén a escultura pode ser abstracta, e moito, aínda que non informalista. O título dunha das súas pezas, "animalalma", dános, en certo modo, a clave do seu pensamento á hora de entregarse á creación de formas corpóreas.
A súa participación nas diversas mostras da serie sobre a escultura actual en Galicia, realizada en cidades do país con motivo do acontecemento denominado “Galicia terra única”, confirmaron a calidade e personalidade de Patinha, quen sen ter aínda medio século de idade é un artista maduro, inconfundible, verdadeiro e fondo, moi do noso tempo, sen rexeitar unha longa tradición que pode arrancar de mestres como Julio González, Brancusi, Archipenko, e vai ata outros máis próximos como Gabino ou José Luis Galicia.
BIBLIOGRAFIA
Sarmiento, Rosario: Homensanimal.
Villa Eranca de Xira, 1995.
-Américo Silva e Teresa Ferreira "Manuel Patinha, Um autor Uma Obra" reproducida a obra.
VV.AA.: A escultura actual en Galicia. “Galicia terra única”. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 1997.