JOSE LUIS PENADO "JOSE LUIS PENADO GÓMEZ" [Pontevedra 1928]
Unha longa andadura artística e intelectual hai neste escultor, antes de chegar á obra propia, creativa, na que sabe uni-la tradición e a modernidade.
Desde a súa xuventude únese a movementos artísticos, musicais e plásticos. Asiste a clases de debuxo e pintura con Castelao e Laxeiro, os que dalgunha maneira marcan ou, mellor, afirman a súa vocación plástica.
A estancia en Madrid para cumpri-lo servicio militar permítelle achegarse a exposicións e acontecementos artísticos daquela por completo afastados das provincias españolas. Alí verá por primeira vez primeiras obras de artistas como Julio González, que orientarán o seu propio concepto da escultura.
Na década dos cincuenta emigra a Venezuela. Traballa no ramo da metalurxia, que lle permite achegarse a técnicas ata entonces descoñecidas por el, e aprende o oficio, esa artesanía imprescindible no escultor, desde o cicelado á soldadura e os resultados de martelar e conforma-la chapa de ferro. A súa inquedanza lévao a participar intensamente en actividades plásticas organizadas pola Casa de España en Caracas.
Retorna a España en 1965 e instálase de novo na súa cidade natal. Dous anos máis tarde realiza a súa primeira exposición na Sala de Información e Turismo, entonces máximo atractivo da vida artística pontevedresa. Os seus traballos son personaxes da cidade, vistos desde unha óptica personalísima, que chaman a atención e proxectan o seu nome, ata entonces descoñecido. A partir desta data, as súas mostras sucédense en Madrid, Vigo, Ourense, Salamanca, Valladolid, Sevilla, Barcelona, Pamplona.
Realiza pezas para diferentes templos de Galicia, para institucións públicas, e chega ós museos de Pontevedra e Taurino de Pamplona. Recibe os premios Meigas e Trasnos de Sarria, en 1975, e o primeiro do Concello do Grove, en 1981. A súa cidade natal distíngueo en 1996 co título Amigos de Pontevedra, en recoñecemento ó seu labor.
Penado comezou traballando a madeira e despois entregouse por completo ó ferro. A partir do popular, consegue unha obra expresiva e elementalizada, de intenso dramatismo, vital. Latexa nela, moi longa tradición, que soubo asumir desde a súa propia personalidade, dado o seu carácter observador e reflexivo. Sabe que, como esixía Eugenio d=Ors, a anécdota é preciso elevala de categoría, de maneira que o ocasional, o folclórico, adquira transcendencia e perennidade.
Desde a Grecia arcaica a Rodin, e máis aínda, o xa citado Julio González, latexan na obra do pontevedrés, que, digámolo así, humaniza a chapa de ferro e incorpora ó seu mundo texturas ásperas, arestas provocadoras, oquedades. A vitalidade está sempre presente e consegue transcende-lo circunstancial. Seguro que aínda chegará a pezas máis persoais, a medida que vai xa espindo a súa obra de todo o aleatorio; de canto ese oficio e esa artesanía ben aprendidos, vaian pesando menos no seu quefacer creador.
BIBLIOGRAFIA
-X. Antón Castro, "José Luis Penado. Treinta años de escultura", presentación do catálogo da exposición "Marineros y otros personajes".
Castro, X. Antón e Castro Couso: Catálogo Exposición Casa de Galicia. Madrid, 1996.