AYASO "MANUEL AYASO DIOS" [Aguiño, A Coruña 1934]
Aínda que de formación totalmente foránea, é á fin un artista moi galego, polo seu mundo peculiar, irónico, deliberadamente caricaturesco.
Cando o futuro artista contaba trece anos a súa familia emigrou a Estados Unidos, e reside en Nova York, onde inicia os seus estudios artísticos en 1955 como bolseiro da Newark School of Fine and Industrial Arts. Regresa a España catro anos máis tarde e contrae matrimonio cunha galega da súa vila natal. Pasa algún tempo en Madrid, onde estudia intensamente a artistas da súa preferencia, que van do Bosco a Solana, pasando por Goya, sobre todo na obra gráfica do xenial aragonés.
Consegue o seu primeiro galardón, que despois sería amplo repertorio, en 1960 no Grubeck Award, Museo de Arte Monclair, e expón na galería Cobert de Nova York. A partir de entonces, a súa sinatura acada considerable prestixio no mundo da arte de Norteamérica.
En 1963 foille concedida unha bolsa pola fundación Tiffanys. Recibe ofertas para expoñer en España, concretamente na galería Juana Mordó, que non acepta, quizais no desexo de facelo por primeira vez en Galicia.
En Santiago, Casa da Parra, a súa mostra en 1997, auspiciada pola Xunta de Galicia, constitúe un éxito, ó tempo que unha sorpresa, posto que se coñece a un artista galego notable, ata daquela case ignorado.
Exhibiu a súa obra en Texas, México, Roma, Minnesota, New Jersey e, reiteradamente en Nova York. Está representado nos museos de Newark, New Jersey, Pennsylvania e Arkansas. Reside na cidade de Verona, non lonxe de Nova York, onde mantén contactos con outros artistas galegos famosos, como o pontevedrés Jorge Castillo, aínda que confesa que lle gustaría vivir na súa vila natal, Aguiño. Le a Azorín e a John Steinbeck, a Rosalía de Castro e a Lorca, adora a Zurbarán, a Velázquez e a Goya. Tamén a Kafka. A súa cor preferida é a azul.
Ademais do premio citado, recibiu o Purchase varias veces, o primeiro museo de Jersey City e a mención de honor da galería Del Bello, en Toronto, Canadá.
Ayaso é un excepcional debuxante, imaxinativo, irónico, que participa tanto do esperpento valleinclanesco como do maxicismo ó Joan Ponç. Reminiscencias surrealistas latexan constantemente na súa obra, dalgunha maneira emparentable con artistas tan distantes como Ensor ou Laxeiro. Inclusive con Eugenio Granell. Quere isto dicir que aprende unha ampla tradición para ser á fin e ó cabo el mesmo, persoal, rico, ás veces case miniaturista. Trasgos, bruxas, monstros, figuras de onirismo e pesadelo poboan os seus cadros, sentidos deliberadamente como ilustración para unha literatura fantástica, humanizando o absurdo, o inexistente, o exacerbado o inquedante e ata horroroso, porque, goyescamente, o soño da razón produce monstros.
BIBLIOGRAFIA
-Obra reproducida no catálogo da exposición da Casa da Parra.
-Conde, Alfredo; Mallo, Albino; Rozas, Mercedes; García Herraiz, Enrique: Textos en catálogo. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 1997.
-Schwartz, Darfy: The New Humanism. Art in a Time of Change. New York, 1974.