CARMEN SENANDE "CARMEN SENANDE PAZOS" [Santiago de Compostela, A Coruña 1961]
Iniciou os seus estudios ós trece anos na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos Maestro Mateo, da súa cidade natal, onde permaneceu catro anos de preparación para a carreira superior de Belas Artes, que cursou na facultade de Salamanca, na que se licenciou en 1988, para facer, posteriormente, un Master Internacional de Creatividade Aplicada na universidade compostelá. Actualmente é profesora de debuxo en institutos de ensino medio.
Comezou a expoñer, individualmente, en Santiago, en 1981, e ó ano seguinte fíxoo en Ourense. Foi seleccionada en diversos certames colectivos e a súa obra percorreu cidades de Galicia e foi mostrada en Amberes, Bélxica.
Participou nos talleres de Arte Actual auspiciados por Unión Fenosa e dirixidos por Rafael Canogar e Lucio Muñoz. Realizou pinturas murais e colaboración ornamental en instalacións públicas da Coruña.
Está representada no Museo Unión Fenosa da Coruña e nas coleccións institucionais de Galicia e Cataluña.
A pintura de Carmen Senande é rigorosamente informalista. Preocupada pola materia, logra texturas moi persoais en gamas case neutras, simulando polígonos que se inscriben nun espacio que é o cadro. Tamén recorre a morfoloxías de aparencia vexetal, con agromados e craquelados precisos, de raíz intelectiva, nos que calquera representación referencial concreta está por completo ausente.