GUILLERMO AYMERICH "GUILLERMO AYMERICH GOYANES" [Santiago de Compostela 1964]
Formado na Facultade de Belas Artes de Valencia, na que se titulou e exerceu máis tarde como profesor, destacou moi pronto, xa que o seu primeiro premio o logrou na mostra de Lalín de 1982, ano que tamén foi premiado na exposición de noveis de Caixavigo. A súa traxectoria ascendente levouno a obter bolsas importantes, como a de novos valores da Deputación de Pontevedra, en 1986, e a de creación artística de Unión FENOSA, en 1993, tras participar na Mostra desta entidade, na súa segunda edición de 1991.
Individualmente, expuso en numerosas cidades de Galicia e colectivamente en medio mundo, desde Estocolmo a Tesalónica. Participou en acontecementos destacados, como “Galicia Hoxe” da Fundación Barrié e “Galicia Exterior”, da Xunta autonómica, en Vigo, en 1997.
Está representado en museos e coleccións institucionais de toda Galicia, Valencia, Postmuseum de Estocolmo e a Universidade Nacional das Artes de México.
A obra de Aymerich non pode cualificarse estrictamente de pintura, senón de expresión cromática da imaxe, xa que utiliza a fotografía para as súas paisaxes sinópticas, con arquitecturas recortadas e case monocromas, nas que en ceos imaxinarios se instalan, por razóns de perspectiva, figuras xeométricas que son cartelas de establecementos comerciais. O ferro forxado e cincelado é elemento que referencia constantemente. Achégase a interiores ideais, ou ben ofrece rectángulos case uniformes, en gradacións de grises nas que se insinúa un ton máis cálido. A figuración rózaa, sen chegar por completo a ela, en elementos anatómicos animais. Esta obra aproxímase ó gravado, ou é ocasionalmente paisaxe escueta. Transforma-la realidade, aínda que sen separarse dela, é un exercicio frecuente na tarefa deste artista de vangarda, deliberadamente simple, aínda que de complexa concepción e morosa reflexión antes de levar ó soporte o tema que quere expresar.
BIBLIOGRAFIA
-II Mostra Unión FENOSA. A Coruña, 1991.
-Jarque, Vicente: Texto en Catálogo. Madrid, Casa de Galicia, 1998
-Penelas, Severino: Texto en catálogo. Pontevedra, 1998.
-VV.AA.: A Galicia Exterior. Compostela, 1997
-Catálogo da IV Bienal de Lalín, Xunta de Galicia, Concello de Lalín, 1999 reproducida a obra na páx. 50; Severino Penelas “Umbral y tolerancia skyline 1998” no catálogo da exposición “Pasaje al negro” Caixa Madrid, Pontevedra, 1998; Vicente Jarque “Pintar y/o fotografiar Santiago” no catálogo “Umbral y tolerancia” editado pola Xunta de Galicia 1998; Stoichita, Víctor I “Breve historia de la sombra” Siruela, Madrid 1999; Leonardo da Vinci “Tratado de la pintura” Espasa Calpe 1956.