SIMÓN PACHECO "SIMÓN PACHECO MATO" [Santiago Compostela 1968]
Unha das personalidades novas máis inquedas e interesantes, experimentou cos máis diversos medios, dando lugar a modos de expresión sorprendentes, desde a pintura e a fotografía ó deseño, o vídeo e a sucesión de imaxes en ámbitos non convencionais.
En 1990 obtivo o premio Arganzuela, en Madrid, concedido por un xurado que integraban, entre outros, Rafael Canogar. En 1993 foi elixido para integra-la serie de Novos Valores, na Bienal de Pontevedra. Ese mesmo ano participa nun seminario sobre novas ideas na arte, en Nova York, estancia que aproveita para coñecer e absorber innovacións na expresión plástica, que no seu afán creador é totalizadora.
Colabora en importantes revistas, e en 1997 gaña o segundo premio do certame Eixo Atlántico.
Colectivamente comezou a expoñer en 1990, en Madrid, e fíxoo en cidades de toda Galicia, en Madrid, en numerosos puntos de España e en Portugal. Individualmente mostrou a súa obra en Madrid, Vigo, Pontevedra e Elche. Notable foi a súa exposición titulada "Estudio para pizarra", que tivo lugar no colexio de arquitectos de Vigo.
Afirma que a súa preocupación é a realidade, na que afonda, buscando suxestións, innovacións, modos de expresión rigorosamente abstractivos e, con frecuencia, informalistas. Utiliza materiais insólitos, cos que expresa mundos non convencionais. A fotografía, para Pacheco, non é un fin en si mesmo, senón un elemento de integración nun todo sorprendente, que é a súa obra, á fin.
BIBLIOGRAFIA
García Iglesias, José Manuel: Expresiones y técnicas. Texto en catálogo.
González Alegre, Alberto: As últimas encrucilladas. Trazos e camiños. Catálogo.
Rubio Nombloy, Javier: Simón Pacheco. Hacer. Madrid, El Punto de las Artes, 1991.