RAMÓN TRIGO "RAMÓN TRIGO ALONSO" [Vigo 1965]
Un longo exercicio de debuxo, a partir do cultivo do "comic", con frecuencia non o subxénero ó que se quere reducilo, dá a este excelente artista sólida base para unha pintura que arrancou do barroco e do expresionismo e alcanzou o case absoluto informalismo.
Precisamente nunha mostra de "comic", que tivo lugar na Universidade Popular viguesa deuse a coñecer, en 1984. Posteriormente participou en diversas mostras colectivas, entre elas a denominada "Trazos e camiños", auspiciada pola Xunta de Galicia e de carácter itinerante.
A súa primeira exposición individual data de 1988. Trigo mostrará a súa pintura en diferentes cidades de Galicia, en Cuenca e en localidades portuguesas.
Conseguiu galardóns moi novo, xa que en 1989 logra o primeiro premio de Arte Xoven Galega, e en anos sucesivos outros en certames de Tui, Vilagarcía e Vigo, entre eles o prestixioso Ademar Champagnat.
A figura humana, e en concreto o nu, interesan a este artista, que o expresa cunha rotundidade poderosa, baseada no seu excelente debuxo, con imaxinación a partir de modos renacentistas e barrocos, en visións de índole muralista. Os seus escorzos son atrevidos, consecuencia dun excelente coñecemento da anatomía. De aí derivará a un paisaxismo escueto, abstractivo, no que o mar está presente ou meramente implícito, para unha pintura quente, firme e ó mesmo tempo como despreocupada. En ocasións aproxímase ó surrealismo, para ir, á fin, case inevitablemente, á pura abstracción informalista, de mancha ampla, valente, cun cromatismo exultante e impositivo.
As mariñas de Ramón Trigo teñen reminiscencias de Turner, en vagarosidades e néboas, tormentas e xogos de luz e figuracións insinuadas de exquisita beleza, apoiadas nunha "cociña" que lle interesa, lle preocupa e domina. Nos bodegóns é escueto, enfatizando as referencias case implícitas, desde unha pincelada tendida, directa, que logra texturas de considerable atractivo.
Naturalmente, esta multiforme expresión constitúe unha busca permanente que permitirá ó artista atopa-lo seu verdadeiro camiño desde o rigor e a verdade, sen falsos e ó fin banais efectismos.
Cabe vaticinar a Ramón Trigo un lugar destacado no panorama plástico de Galicia, porque todo na súa obra indica un quefacer rigoroso, sen improvisacións, desde a loita coa referencia para plasmala en arte perdurable.
BIBLIOGRAFIA
Pablos, Francisco: Arte en el deporte. Vigo, R. C. Celta, 1999.
Pablos, Francisco: Premio Ademar Champagnat. Catálogo general. Vigo, 1996.
Arte Xoven Galega. Antoloxía. Catálogo. Vigo, 1997.
Trazos e Camiños. Compostela. Xunta de Galicia, 1994.