MIGUEL VÁZQUEZ[Vigo 1956]
Ó resecar o barro arrastrado por unha torrenteira, o home primitivo atopou a suxestión dunha forma que podería serlle útil. Cando descubriu o lume, o oleiro incipiente conseguiu que esa materia de unidade inconsistente tivera permanencia. E da cerámica xurdiron exemplos admirables, absolutamente creativos, nos que traballaron artistas notables. Bastaría citar en Galicia a Elena Colmeiro e Fernando Casás.
Tamén a Miguel Vázquez, un escultor cuns materiais que son os do oleiro e, a miúdo, as súas referencias os hitos do paleolítico ou, máis cercanos, os da construcción de edificios, para darnos unha obra escueta, deliberadamente elemental, de ideacións xeométricas, de ordenación de poliedros, de paralelepípedos, na que absorbe e fai súas estéticas variadas que acadan a Chillida, desde ontes tan remotos como os aludidos.
Deuse a coñecer en 1978, nunha mostra colectiva na sala Paraíso Perdido, de Compostela. En 1982 estivo presente en Novos Valores, da Bienal de Pontevedra, e en Artistas Noveles, de Caixavigo. Despois participou noutras exposicións en diferentes cidades de Galicia, en Salamanca, Zaragoza, Toledo, Santander, Girona, Almería, Burgos, Barcelona e Valencia, e chegou á Exhibición Mundial de Cerámica de Zagreb, en Croacia.
A súa primeira exposición individual data de 1983, en Vigo. Máis tarde fíxoo en Ourense, Santiago, Pontevedra, Madrid e Holanda.
Gañou bolsa de ampliación de estudios da Xunta de Galicia en 1984, que repetiu ó ano seguinte para amplialos no estranxeiro. Tivo mención honorífica en Zagreb, primeiro premio de Arte Contemporánea en Viena, en 1998, que repetiu ó ano seguinte en Suecia, premio nacional de cerámica actual en Talavera, Toledo e bolsas da European Ceramics Work Center, de Holanda, e Pilar e Joán Miró, de Palma de Mallorca.
Conta con obra en coleccións institucionais como a Xunta de Galicia, Deputación de Cantabria, Fundación Josep Lloréns Artigas, Deputación de Pontevedra e Museo Het Kruithuis, de Holanda.
As creacións corpóreas de Miguel Vázquez son escuetas, núas de toda referencia ornamental. Os elementos parecen colocados caprichosamente, como en xogo infantil, e mostran a súa textura rugosa, as súas asperezas ó ser acariñados polo lume no forno. Ás veces semellan labirintos ou, vagamente, expresións antropomórficas, ou ben obxectos para uso cotián, como bancos, escaleiras, enreixados de ventá. Inclusive estructuras constructivas. E desa elementalidade xorde, arroladora, unha emoción inquedante, porque ditas expresións trascenden misterios, suxestións, plasticidade.