JANO MUÑOZ "ALEJANDRO MUÑOZ LÓPEZ" [A Coruña, 1971]
Con vocación temperá pola arte, inicia a súa formación na Escola de Artes "Pablo Picasso" da súa cidade natal, en 1986, e seis anos máis tarde gradúase na especialidade de técnicas de volume.
Nesa mesma data realiza a súa primeira exposición en dito centro, e proseguiraas noutras cidades de Galicia, ata que se despraza a Barcelona, onde enseguida conseguirá ambientarse e proxecta-lo seu traballo, tras expoñer na Sala de Arte Joven da Generalitat de Cataluña e na de La Caixa, da cidade condal. Participa na VI edición da prestixiosa mostra de Unión Fenosa, en 1999.
Consegue premio na selección denominada Veinticinco artistas jóvenes de Cataluña, e é finalista no premio Kronenbour de Barcelona. Últimamente, a súa pintura expúxose en Italia.
A pintura de Jano Muñoz é conceptual, reflexiva, a partir dun intenso razoar sobre estructuras xeométricas. O seu paisaxismo está inmerso no hiperrealismo do que é máxima figura española Antonio López García, aínda que o galego é máis sobrio de cor e dá ós volumes unha intensidade de poliedros no espacio, que engaden misterio ós seus resultados cromáticos, en grises e ocres, falseando deliberadamente a perspectiva. Tamén pode ser un exercicio de trazos e liñas secantes, a modo de estructura constructiva, de grande simplicidade e beleza.