VIRXILIO VIÉITEZ "VIRXILIO VIEITEZ BÉRTOLO" [Soutelo de Montes, Pontevedra 1930]
Fillo dun emigrante que abandona a aldea remota cando o futuro fotógrafo ten poucos meses, Virxilio Vieitez, nacido en Soutelo de Montes, onde a provincia de Pontevedra linda coa de Ourense, vive nunha infancia abolutamente rural, con escasa escolarización, aínda que con intensa curiosidade cultural.
Traballa na construcción do aeroporto de Santiago de Compostela e trasládase ó Pirineo aragonés, onde se inicia na fotografía como afeccionado. Instálase en Cataluña e prosegue o seu interese pola fotografía, cerca dun profesional que lle ensina o proceso de laboratorio de revelados. En Palamós emprégase cun profesional do ramo e percorre coa súa cámara a Costa Brava.
En 1955 regresa a Galicia para face-lo servicio militar na Coruña, e o concluílo decide establecerse como fotógrafo na súa vila natal. O seu traballo son fotos de carnet, de vodas e festas familiares, de romarías, algunhas das cales publica na prensa de Vigo. Alí permanecerá toda a súa vida, e alí a súa filla realizará a súa primeira exposición do amplo repertorio documental de Vieitez en 1997.
Descuberto polos organizadores da Fotobienal de Vigo, a obra do fotógrafo aldeán exponse na cidade atlántica e sorprende e interesa polo seu verismo, a súa total espidez e o valor racial e etnográfico que entraña, verdadeiramente excepcional. Máis tarde viaxará a outras cidades de Galicia e a París, onde a mostra constitúe un acontecemento glosado pola prensa máis esixente.
Os éxitos de Vieitez incorpórano ós repertorios máis selectivos, ós museos, considerándoo, de pronto, un clásico ó que se descubriu tardiamente.
No traballo de Vieitez hai unha tipoloxía captada en toda a súa verdade máis directa e en ambientes auténticos, tanto de interiores como de exteriores. Unha Galicia que desaparece, un campesiñado que se engalana para o acontecemento familiar ou para a festa son os protagonistas da súa obra, fundamentalmente retratos, aínda que tamén leve a súa cámara a ambientes aparentemente insólitos, como son velatorios, enterros, cemiterios aldeáns.
Calquera innovación técnica ou mecánica - un coche, un receptor de radio, un xoguete autónomo traído polo emigrante á aldea - acompañan ó personaxe circunstancial, alguén anónimo que, na imaxe de Vieitez, cobra protagonismo e se destaca pola súa simple autenticidade, polo seu olor de verdade, xa que no seu inevitable envaramento de pose estudiada, parece que respira, que fala. Co traballo deste fotógrafo pdería facerse unha nova versión do famoso libro de imaxes "The Family of man" , que tanta influencia exerceu noutros artistas de cámara, como o catalán afincado en Vigo, Ricardo Terre.
De ser un descoñecido fóra da súa aldea, Virxilio Vieitez pasou, en brevísimo tempo, a ser estimado e admirado en media Europa e a formar parte das coleccións artísticas de museos e institucións.
BIBLIOGRAFIA
Sendón, Manuel e Suárez Canal, Xosé Luis: Virxilio Vieitez. Vigo, Centro de Estudios Fotográficos, 1998.
Sendón, Manuel: Imaxes na Penumbra. A fotografía afeccionada en Galicia (1950 - 1965). Vigo, Edicións Xerais, 1998.
VIII Fotobienal de Vigo. Concello, 1998.