ANTÓN SOBRAL "ANTÓN SOBRAL IGLESIAS" [Marín, Pontevedra]
Relativamente dilatada é xa a carreira deste pintor, posto que comezou a expoñer moi novo, en 1968, en Santiago de Compostela. Máis dun quinquenio esperou para a súa segunda mostra, en 1976, en Vigo, e así foi espaciando as súas aparicións noutras cidades de Galicia.
Colectivamente apareceu en Laval, Francia, en 1997, e despois levou os seus cadros a Alemaña, Cuba, Italia e Austria.
Antón Sobral cultiva unha pintura absolutamente conceptual, de fonda reflexión e exquisita factura. O seu paisaxismo, por completo, nu de referencias, é un exercicio de abstracción anuladora de calquera aditamento preciosista. Pola contra, son gradacións de cor, dende tons intensos a brancos case absolutos, en visión horizontal que lle permiten imaxinar ao espectador un mar inabarcable e un horizonte moi afastado, puramente intelectivo.
A materia é delgada, tendida, aplicada con absoluta limpeza, con veladuras e transparencias máis implícitas que explícitas. Hai lirimo, e case misticismo, nesta pintura sobria e, non obstante, emotiva, inquietante, porque no seu resultado se adiviña un proceso creador moi razoado.
Serenidade, repouso, imaxe de frialdade en azuis, ocultando case por completo o debuxo, que, malia iso, existe. Arte de grande interese que esixe a colaboración do contemplador para entregar toda a fondura que contén.