FERNANDO BABÍO "FERNANDO BABÍO BABÍO" [Sada, A Coruña 1953]
Con vocación precoz de artista, debuxa intensamente dende moi neno entregándose apaixonadamente ó coñecemento do oficio de pintor, de maneira que a súa bagaxe é excelente.
Empezou a expoñer en mostras colectivas en 1978 na Coruña. Realizou a súa primeira exposición indiviual en 1979, tamén na cidade herculina, sorprendendo pola excelente factura das súas paisaxes, cun cromatistmo exultante e asemade sabiamente temperado, a partir de modos postimpresionistas, cun antecedente que se podía fixar en Francisco Lloréns.
Salta a Madrid e sobresae coa súa mostra na desaparecida galería Kandinsky, norte de moitos artistas novos galegos do movemento. Percorre diversas cidades de Galicia e de España coas súas mostras, aínda que non é propenso a se prodigar.
Participa na I Mostra Unión Fenosa e seguiu a súa carreira de modo moi firme.
Fernando Mon, crítico coruñés de prestixio, eloxia incondicionalmente a este pintor como un dos valores máis positivos da nova plástica de Galicia.
A cabalo entre o neorrealismo e o postimipresionismo, Babio Sabio ten unha callada personalidade na que a aportación persoal non se afasta de todo dunha tradición ben incorporada. Cadanseu cadro é un mundo, o seu propio mundo, evocador, inventivo, aínda que coas referencias xustas.
BIBLIOGRAFIA
-VV. AA.: Diccionario de Pintores y Escultores españoles del siglo XX. Vol. I.
Madrid, Forum Artis, 1994.
-I Mostra Unión Fenosa.
A Coruña, 1989.