MORQUECHO "JOSÉ RAMÓN MORQUECHO BARRAL" [Pontevedra 1946]
Este artista, cunha peculiar personalidade e unha formación concienzuda, é sen embargo, autodidacta. Inicialmente, séntese atraído polas escolas impresionista e "fauve", acusando a súa pintura as influencias de Monet, Cézanne e Matisse, aínda que no fondo sempre está presente Goya, grande mestre de tantos bos observadores.
Polos anos setenta deixa a súa residencia en Compostela; sempre será un viaxeiro imparable, que o leva a percorrer Francia, e Italia, entre outros países europeos, ou a cruza-lo Atlántico e residir en Nova York, etapa que ten unha grande importancia na súa obra paisaxística.
Empezou a expoñer na súa cidade natal en 1972 e percorre Galicia e boa parte de España coas súas mostras individuais. Participa nas bienais de Pontevedra e en certames colectivos de moitas cidades de España, entre eles a moi notable, que ten por título "Revisión dunha década", que se amosou en 1990 en Compostela e Vigo, permitindo coñece-los progresos da nova plástica galega da década anterior.
A pintura de Morquecho, nome co que firma os seus cadros, atópase en museos e coleccións institucionais de Galicia, Salamanca e outras cidades. A postrer adquisición realizouna o Concello vigués para a súa colección do Museo de Castrelos. A característica fundamental de Morquecho é a de paisaxista. A súa mancha é tan solta, tan rápida, de tan óptimo oficio, que ás veces semellan os modos dun consumado acuarelista. O excelente debuxante que hai nel permítelle insinua-las formas directamente co pincel, cunha materia delgada, case transparente. A serie de paisaxes de Nova York son unha boscaxe asoballadora e moi quente, en primeiro plano, para insinuar ó fondo a lineal, e xigantesca arquitectura que caracteriza esa cidade. Marelos, carmíns, azuis, e grises danzan, ondúlanse e mais expónxanse encol das teas, case sempre de considerables dimensións. Nada está precisado,e, sen embargo, todo respira vida, intensidade, ambiente. Quedan patentes as súas afinidades postimpresionistas e, máis vagamente, as características do fauvismo, aínda que ó fin se impoña unha deliberada elementalidade lírica, moi grata, pero sen preciosismo ningún.
BIBLIOGRAFIA
-Castro, X. A.: Expresión Atlántica.
Santiago, Edit. Follas Novas, 1985.
-Corredoira, Pilar: Pintura galega dos oitenta. A outra imaxe.
Santiago, Xunta de Galicia, 1984.
-García Iglesias, X. Manuel: Morquecho o la intensidad expresiva.
Santiago, 1980.
-Llano, Pedro de: Morquecho.
Santiago, Xunta de Galicia, 1991.