SEIJO RUBIO "JOSÉ SEIJO RUBIO" [Madrid 1881 - A Coruña 1970]
A cabalo entre o impresionismo tardeiro, que arranca de Pisarro, e o racialismo un tanto folclórico, que impuxo no seu tempo o vasco Ignacio Zubaga, está a pintura deste madrileño, vencellado de por vida á Coruña, cidade na que realizou un labor extraordinario como didacta.
Cursou a carreira en San Fernando e decidiu comparti-lo ensino e maila pintura. O éxito como opositor foi fulgurante, xa que gañou cátedras de Debuxo e Caligrafía en institutos de segunda ensinanza e mais en escolas de Comercio.
Traballador infatigable, pinta moitísimo ó longo da súa dilatada vida. O seu primeiro galardón consígueo na Exposición Hispano-Francesa de Zaragoza, en 1908, con motivo do centenario da guerra da Independencia. Gaña medalla de segunda clase. Interveu eficazmente, coa súa gran capacidade organizadora, na Exposición Rexional de Arte de Galicia, de 1917, á que fai ademais unha ampla aportación.
Acode ás Nacionais de Belas Artes e na de 1926 gaña terceira medalla polo seu cadro «La Marisma», que foi adquirido polo Museo de Arte Moderna de Madrid, nos fondos do cal figura.
Reitera as súas exposicións persoais en tódalas cidades da Galicia e leva a súa obra a Bos Aires. A abraiante actividade de Seijo Rubio vese compensada pola designación de membro da Real Academia de Belas Artes de Nosa Sra. do Rosario, da Coruña, e membro correspondente da Real Academia Galega e da Academia de San Fernando.
Funda o Museo da Coruña, ó que comeza a dar vida coa adquisición de obras importantes e a xestión de legados que son hoxe orgullo dese renovado e ampliado centro da arte. Tal organización merece eloxios de Juan Antonio Gaya Nuño. Seijo Rubio sucedera nun labor puramente simbólico a Ángel del Castillo e ó pintor Fernando Álvarez de Sotomayor, pero é con el con quen cobra vida a institución, a partir de 1947.
Ata o seu falecemento, o 9 de setembro de 1970, o artista pinta, incrementa as coleccións do museo, forma artistas, organiza certames e é, ó cabo, motor da vida plástica e cultural á que entregou a súa vida e pola que merece ser considerado como coruñés de honor.
Seijo Rubio está representado no Museo de Arte Moderna de Madrid, en tódolos de Galicia, nalgúns de Sudamérica e en importantes coleccións.
O seu paisaxismo é sincero, directo, de mancha grosa e efectiva. Tiña unha paleta rica e quente. Capta moi ben os ambientes populares, ós que dá dimensión plástica desde uns modos soltos e ata enérxicos. Ás veces recarga a materia, un pouco coma os "fauves", anque sempre o haxa que considerar como impresionista. Achegouse á pintura literaria, como decimos, influído por Zuloaga e, nese apartado, é famoso o seu cadro «O cego de Santa Margarita», que conserva o museo vigués, con moito carácter, aínda que non haxa en Seijo o debuxante firmísimo que era o vasco.
BIBLIOGRAFIA
-Barreiro, Alejandro: Del arte gallego.
A Coruña, 1917.
-Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia.
Barcelona, Edit. Noguer, 1976.
-Pablos, Francisco: Pintores gallegos del Novecientos.
A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1981.
-Pablos, Francisco: Plástica gallega.
Vigo, Caixavigo, 1981.
-Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes.
Vigo, Concello, 1992.
-VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980.
Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984.
-Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX.
Madrid, Ibérico Europea de Edic. 1970.
-Gaya Nuño, J. A.: Historia y Guía de los museos de España.
Madrid, Edit. Espasa Calpe 1955.
-Mon Fernando: Pintura Contemporánea en Galicia.
A Coruña, Caixa Galicia, 1987.