ALFREDO SOUTO "ALFREDO SOUTO CUERO" [A Coruña 1862 - 1940]
Cursou estudios xurídicos e accedeu á maxistratura, que exerceu en Pontevedra, Sevilla e outras cidades de España. Os estudios de Dereito comparteunos coa dedicación á pintura. Na Coruña foi discípulo de Román Navarro.
Concorre ás Exposicións Nacionais de Belas Artes, nas que conseguiu condecoracións nas de 1899 e 1901, e terceiras medallas nas de 1892 e 1895, sempre con paisaxes dos lugares onde reside na súa condición de maxistrado.
Ocasionalmente residíu en Lugo e A Coruña, e dende 1920 en Sevilla.
O seu rastro pérdese nos últimos anos da súa dilatada vida, posto que morre en 1940, cando o seu fillo Arturo, o máis grande pintor da Galicia contemporánea, se encontra en México como exiliado tralos avatares da guerra civil.
A obra de Souto Cuero atópase en museos de Galicia e doutras cidades de España, así como en importantes coleccións particulares.
Foi un paisaxista minucioso de exquisita pincelada, case caligráfica pero solta e calculada. Gusta das gammas verdes e ocres, baseándose nun excelente debuxo.
Era un gran miniaturista, xa que se gardan apuntes seus onde, para gozar do primor do trazo, cómpre utilizar unha lupa. Non lle importou, en ocasións, caer no folclorismo romántico típico do paisaxismo andaluz, posto que o enaltece coa ponderación dos seus cromatismos e a súa capacidade para capta-la luz.
Realizou algúns retratos, probablemente de compromiso, moi correctos aínda que un pouco fríos e escenográficos, coma o do político Cánovas del Castillo que garda o Concello de Vigo.
Cómpre valora-la súa aportación como acuarelista, técnica na que se manifesta cunha limpeza exquisita. Algunhas das súas paisaxes teñen interese documental, posto que recollen fielmente recunchos urbanos que desapareceron.
O seu fillo Arturo considerouno o seu mestre, xa que dominaba por completo o oficio en tódalas súas facetas e con el saía ó campo a pintar cando era rapaz. O preimpresionismo ten neste artista a un dos mellores exemplos da pintura galega.
BIBLIOGRAFIA
-Couselo Bouzas, José: La pintura gallega.
A Coruña, Porto edit., 1950.
-Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia.
Barcelona, Edit. Noguer. 1976.
-Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes.
Madrid, 1980.
-Diario, parcialmente recollido en: O pintor Arturo Souto.
A Coruña, edic. do Castro, 1981.
-Pablos, Francisco: Pintores gallegos del Novecientos A Coruña, Fundación Barrié, 1981.
-Pablos Francisco: Plástica gallega.
Vigo, Caixavigo, 1981.
-Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo, Concello . 1992.
-Filgueira Valverde, José: El Museo de Pontevedra. Edit. Everest, León, 1987.
-Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia A Coruña, Caixa Galicia, 1987.