Escasas noticias hai publicadas sobre este artista de fina sensibilidade, dedicado habitualmente á paisaxe e en certo modo identificable con Abelenda e con Pintos Fonseca. Residiu en Vigo máis da metade da súa dilatada vida, xa que Ángel Ilarri, que o tratou persoalmente, afirma, nun traballo de 1978, que levaba na cidade "máis de corenta anos".
Realizou escasas exposicións e a penas participou en certames. Alto, delgado, tiña un aspecto de antigo explorador británico, co seu sempiterno traxe de pana, as súas botas rematadas en "leguis" e aquela cabeza nobre, de rostro alongado, con mirada perdida tralos grosos cristais das súas gafas, con cabelo branco, lacio e mesto. Aparecía a cotío no Café Goya, onde mantivo a tertulia e o diálogo, sempre amable, discreto e cordialísimo.
Bustamante era un apaixonado da auga. Nos seus cadros adoita haber sempre un río,un recuncho da baía viguesa, entre árbores e vexetación. Pódese adscribir ó impresionismo, aínda que con clara influencia literaria e estrictamente poética.
Figura no Museo de Castrelos e máis en coleccións de importancia, posto que a tódolos efectos é un pintor galego da xeración de Colmeiro e dos citados Abelenda e Pintos Fonseca.
|