| DATAS [A Coruña 1935 - Madrid 2007]
|
 |
Iniciou a súa formación na Escola de Artes e Oficios da súa cidade natal. En 1956 trasladouse a Madrid para cursar estudios na Escola de San Fernando, na que acadou tódolos premios e da que actualmente é catedrático. A súa obra percorreu o mundo en mostras colectivas que destacaron o seu nome en toda Italia, Nova York, Montevideo e Alexandría. As súas exposicións individuais tamén son numerosísimas e entre elas sobresae a realizada na Casa da Parra, de Santiago, en 1991, por ser antolóxica. Obtivo a medalla da Exposición de Pensionados do Paular, en 1960, e medalla de ouro San Raimundo de Peñafort, en Madrid, o mesmo ano. En 1961 conseguiu o premio de honor en Santander na mostra nacional de Escolas de Belas Artes e o premio fin de carreira. Obtivo unha bolsa en Italia que lle concedeu o Ministerio de Asuntos Exteriores e a Embaixada italiana en España para estudiar mural en Venecia con Bruno Saeti; en 1962 acadou a terceira medalla na Nacional de Belas Artes e o primeiro premio na de Artistas Galegos da Coruña, cidade na que ó ano seguinte lle concederon o primeiro premio e a medalla de ouro, con carácter nacional, galardón ó que lle engadiu o de "Francisco Alcántara" do Círculo de Belas Artes de Madrid. Durante tres anos consecutivos foi pensionado, por oposición, na Academia Española de Roma, a partir de 1965; e ese ano logrou a medalla de bronce na Bienal de Alexandría. A súa obra figura no Museo de Arte Contemporánea de Madrid, en tódolos de Galicia e mais en numerosos de provincias de España, así como no de Oslo e outros de grandes cidades europeas. Datas milita nun mundo "feísta" no que o elemental, pobre e ata negativo, se enriquece coa calidade da representación. A súa estética fluctúa desde un neorrealismo persoal ata a abstracción case absoluta, que o emparentarían con Kandinsky e con Dubuffet. Non obstante, sempre se adiviña nas súas manchas como abosquexadas un debuxante magnífico que sabe estructurar e compoñer con mestría. A paleta é sobría, de tons escuros. De haber referencia formal nos seus cadros aparece unha prenda de roupa, un recuncho nun cuarto moi humilde, un mundo de refugallos e suburbio. Con eses elementos Datas recréase para nos ofrecer unha pintura vagamente testemuñal, incapaz de caer no meramente panfletario porque a execución é esquisita dentro da súa aparente elementalidade. Pintor inconfudible, de difícil aceptación, ás veces porque nada na súa angueira ten relación cunha certa "beleza establecida".
|
|
|
Bibliografía
|
-Campoy, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973. -Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980. -Vangardas e silencios. Compostela, Xunta de Galicia, 1988. -I y II Mostras Unión Fenosa. A Coruña, 1989 y 1991. -VV. AA.: Un siglo de pintura gallega. 1880/1980. Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984. -Chamoso Lamas, Manuel: "Arte" en Galicia. Barcelona Edit. Noguer, 1976. -Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987. -VV. AA.: Alberto Datas. Compostela. Xunta de Galicia, 1991.
|
|
|
 |
|
|
 |
|