Pola complexidade e perfección formal da súa obra, é un dos novos valores galegos máis sobranceiros, de personalidade inconfundible.
Cursou a carreira de Belas Artes na facultade do País Vasco, onde a concluíu en 1990. Inmediatamente ingresou como profesor na Escola de artes aplicadas e oficios artísticos "Antón Failde" de Ourense. Ese mesmo ano participa na exposición itinerante, por Galicia e Asturias, "Xuventude 90", organizada pola Xunta de Galicia, que o premia. Un ano máis tarde expón individualmente na Deputación da súa cidade natal, á que traslada a súa residencia e segue exercendo tarefas didácticas na escola Ramón Falcón.
As súas mostras colectivas e individuais sucédense en diferentes cidades de Galicia, e salta a Madrid, Marbella e outras localidades.
En 1998 a súa obra exhíbese en Nova York, en diferentes ámbitos públicos e universitarios. A Casa de Galicia, en Madrid, acolle unha mostra individual deste artista, realmente notable, en 1999.
La pintura de Alejandro Carro está cargada de misterio. Combina expresións informalistas con imaxes concretas, que inscribe neses ámbitos irreais e as avellenta, de maneira que todo semella abandonado e degradado polo paso do tempo. O muro con adherencias, o "grafitti" caprichoso, as desconchaduras, o cromo adherido sobre a superficie rugosa. Todo é posible nesta arte de elaboración minuciosa, de considerable habilidade manual que non desdí a creatividade irresistible, en marelos e terras, con trazos brancos que encadran esas insólitas e inesperadas imaxes. O panfletario insinuado, queda inmerso na plasticidade dominante, abigarrada e, sen embargo, respondendo a unha orde total, cartesiana. Porque en Alejandro Carro hai un talento plástico case deslumbrador, se ben refreado por unha intelixencia sutil, moi atenta a tódalas correntes estéticas do seu tempo, das que absorbe aquelas tendencias que máis se identifican coa súa sensibilidade para facelas súas.
Non é arriscado afirmar que estamos ante un nome que se imporá, poderoso, no panorama da arte contemporánea.
|