CAXIGUEIRO "DANIEL RÍO RUIBAL" [Mondoñedo 1956]
O seu nome é Daniel Río Ruibal, aínda que é coñecido artisticamente polo seudónimo de Caxigueiro.
Deuse a coñecer en 1981, coa súa participación na Bienal de Pontevedra e cunha mostra individual realizada en Lugo. Posteriormente fixo exposicións en diferentes cidades de Galicia.
Participou na exposición itinerante “Novas Xeneracións”, dos anos 1983 e 1984, foi segundo premio de escultura Cidade de Mondoñedo e primeiro en Xérmolo, de Guitiriz (Lugo). Participou na primeira Mostra Unión Fenosa, en 1989, e na quinta, de 1997. Foi adquirida obra súa no premio nacional de Cerámica, do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, en 1990, e no Salón Nacional de Artes Plásticas, de Alcobendas, Madrid, en 1992. Ó ano seguinte foi primeiro premio de escultura Cidade de Lugo.
Está representado en coleccións institucionais de Galicia. Conceptual, razoante, Caxigueiro, escultor nada convencional, afástase por completo de toda tradición e realmente non modela ou esculpe, senón que crea obxectos corpóreos a partir de elementos únicos, nos que introduce mínimas expresións persoais, ou de reiteracións de base xeométrica, coma se fosen arquivos clasificadores. Algo así como series de minerais, de inanimadas formas, de imposibles nichos de necrópole nos que repousan restos vagamente antropomórficos.
Folga dicir que esta concepción estética contén grandes doses de abstracción, aínda que sexa rotunda, firme, pero como silenciosa, hermética.
BIBLIOGRAFIA
I, III y V Mostra Unión Fenosa. Catálogo. A Coruña,1989, 1993 y 1997