MANUEL SENDÓN[A Coruña 1951]
A súa pasión pola imaxe levouno a dedicarlle primeiro ratos de afección e, á fin, toda a súa vida.
Estudia matemáticas desde 1968 a 1973, data na que inicia a súa tarefa como docente. É profesor de fotografía na facultade de Belas Artes da universidade de Vigo, no campus de Pontevedra.
Comezou a expoñer os seus traballos en 1983, con Vítor Vaqueiro, en Vigo, cidade na que reside. Posteriormente fíxoo en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña; Coimbra e Braga, en Portugal; Milán e Brescia, en Italia. Colectivamente fíxoo en tódalas cidades de Galicia e en numerosas de Portugal, Francia, Alemaña, Estados Unidos.
A súa tarefa de investigador reflíctese en importantes publicacións, tanto individuais como colectivas, como a titulada "Informe da comunicación en Galicia". Fundamental é a súa tese doutoral, recollida no libro titulado "Imaxes na penumbra. A fotografía afeccionada en Galicia (1950-1965)".
Con Suárez Canal dirixe o Centro de estudios fotográficos, con sede na Casa das Artes, que organiza e coordina as fotobienais de Vigo, iniciadas en 1988, e que reuniron na cidade un dos mellores repertorios fotográficos internacionais, con obra xa clásica do brasileiro Sebastiao, entre outros.
Recuperou o amplísimo arquivo Pacheco, hoxe pertencente ó patrimonio municipal vigués, e editou unha serie dunha decea de álbumes dedicados a outros tantos fotógrafos galegos notables, entre os que están José Suárez, excepcional, e Virxilio Vieitez, un descubrimento que tivo ampla resonancia dentro e fóra de España.
Sendón milita nun realismo documental que pon de manifesto a súa preocupación pola calidade técnica da imaxe, precisa, exacta, sen necesidade de alardes de desenfoques ou habilidades de laboratorio. Polo contrario, imaxes e elementos documentais están reflectidos coa máxima claridade, con total precisión, aínda que á fin os dote de algo indefinible, pero apreciable, que emparentaría estas fotografías co mellor hiperrealismo pictórico do signo de Antonio López García ou Eduardo Naranjo, dos que sen dúbida gusta. É evidente que o cine lle interesa, sobre todo o de determinados directores, asistidos por "cámaras" nada convencionais. Nalgúns momentos, as súas composicións aproxímanse ó mundo surrealista de René Magritte, non tanto polas imaxes insólitas como pola combinación das referencias, como os seus exemplos de xogos infantís coa silueta babélica de Nova York como fondo.
BIBLIOGRAFIA
Sendón, Manuel: Imaxes na penumbra. A fotografía afeccionada en Galicia (1950-1965). Vigo. Edicións Xerais, 1998.
Sendón, M. y Suárez Canal, X. L.: En Galiza nos 50. As agrupacións fotográficas. Vigo, Concello, 1990.
Ourense de auga e pedra. Vigo, Edicións Ir Indo. 1990.
VV. AA.: O mar. Vigo, 1985.
VV. AA.: Dende o Atlántico. Vigo, 1988.
VV. AA.: Crónica dunha cidade. Vigo, 1988.
Ledo Andión, Margarita: Documentalismo fotográfico contemporáneo. Vigo. Edicións Xerais, 1995.