MANUEL VILARIÑO[A Coruña 1952]
Inquietante, insólito, inclasificable. Preocupante e ata obsesionante, por obsesivo, cun mundo propio por completo alleo a todo convencionalismo, se ben relacionable con moi concretos antecedentes, que poderían ir dos mil ensaios e estudos anatómicos de Leonardo da Vinci ata a necrofilia de Valdés Leal.
Con medio século acabado de cumprir, interesado pola ornitoloxía, experimentador coa fotografía, a súa arte é consecuencia dun mundo propio e reflexivo, onde pode combinar o morto co evocativo, e sorprender o espectador cos seus experimentos de taxidermista que nunca remata o seu traballo.
Sobre soportes metálicos sitúa materias magmáticas, de aparencia granulosa, como volcánica, e nelas instala paxaros, lagartos, animalias, caveiras, combinándoos, ás veces, con retallos da relixiosidade máis melosa, da beatería máis cursi, para lograr, deliberadamente, resultados dun onirismo de pesadelo.
As criaturas que estiveron vivas aparecen vendadas, envolvidas, aderezadas de fitas e adminículos diversos, ou semellan rexistro de lectura en librillos de devoción romántica. E todo o adereza dunha alquimia presentible, máis implícita que explícita, presentándose como símbolos esotéricos de secretismo imprecisable. Visións sorpresivas, como pormenores de covas inaccesibles, esquecidas dende o paleolítico, cobran, de pronto, unha realidade nova, untuosa, xunto a pegadas de fosilización. Por suposto que calquera das obras deste artista constitúe unha sacudida á sensibilidade e ata unha labazada á mente convencional.
Fotógrafo, poeta, pintor, inventor de realidades datables, comezou a expoñer como fotógrafo en mostra colectiva en Ferrol, en 1983, facéndoo máis tarde en diversas cidades de Galicia e por España adiante, Europa e América, dende Cuba a Estados Unidos. As súas primeiras exposicións individuais datan de 1984, en Vigo e A Coruña, e despois foi viaxeiro constante por medio mundo. A súa consagración chégalle en 2002, cando acolle unha importante exposición súa o Centro Galego de Arte Contamporánea, en Compostela, con estudos sobre a súa obra de Fernández-Cid, Chantal Maillard, Félix Duque e Alberto Ruíz de Samaniego, e un poema de Antonio Gamoneda, mente dalgún xeito xemelgo da de Vilariño.
A súa obra figura no Museo Raíña Sofía de Madrid, CGAC de Compostela, Unión Fenosa da Coruña e noutros moitos de España, Europa e Estados Unidos, así como en importantes coleccións institucionais, entre elas a da Xunta de Galicia.
BIBLIOGRAFIA
- VV.AA.: Manuel Vilariño. Fío e sombra. Compostela, CGAC, 2002.
- VV.AA.: Emboscadura. A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1998.
- Olivares, Rosa: Manuel Vilariño. Biblioteca de Fotógrafos Españoles. Madrid, La Fábrica, 2002.
- Ruíz de Samaniego, Alberto: El angel necesario. Vigo, Galería Bacelos, 2001.
- Castro, X. A.: Manuel Vilariño. Galerie Municipale du Château d 'Eau. Toulouse, 2001.