VICENTE ARNÁS LOZANO[Madrid 1949 -]
Magnífico debuxante e gravador e excelente pintor. Emulando o seu pai intentou ser toureiro, afección que deixou cedo, aínda que continúa como asiduo espectador de cérvidas de touros, para adicarse á plástica, na que comezou como debuxante publicitario.
As súas grandes dotes invítanlle á creación plena, e en 1976 realiza a súa primeira exposición persoal na acreditada sala Macarrón de Madrid, con grande éxito que lle invita a repetir bianualmente, espallando a súa obra a outras cidades de España tanto individual como colectivamente. A mostra tamén en Nueva York e noutras cidades de Europa e América.
Outorgáronlle a medalla de honor nas edicións segunda e quinta do certame B.M.W de pintura, nos anos 1987 e 1990. En 1993 acadou o premio da Real Maestranza de Sevilla polas súas excepcionais Tauromaquias. A súa obra presentouse nos principais certames internacionais, como ARCO de Madrid e Europ-Art de Ginebra. Formou parte dos xurados das "Bienales Internacionales de Grabado de Caixa Ourense", hoxe en día inserida en Caixanova, con grandes sinaturas da especialidade, como Miguél Condé, e José Hernández.
As súas carpetas da obra gráfica figuran nos mellores Museos da especialidade.
Tanto o pintor como o gravador ou o debuxante son en Arnás o mesmo artista, exquisito de trazo, minucioso, dotado de excepcional fantasía. Recrea temas e personaxes coñecidos desde Velazquez a Watteau, O Bosco ou Arcimbolbo, en visións oníricas e realistas á par, plasmando soños e imaxinacións de raíz eminentemente lírica. Un mundo de intemporalidade, vagamente antigo, apropiándose dos climas das súas pinturas, onde as raiñas Velazqueñas poden morar o calellón dunha praza de touros con destros contemporáneos de Cúchares, ou seres de alucinación como marionetas, aparecen en ámbitos de alquimia que gustarían a Paracelso.
A nave dos tolos varou entre arquitecturas ideais, e sanbenitados coma cregos lambóns, toucados de mitras con ollos, polas que xorden paxaros caprinos, conviven con rinocerontes e levan porcos con patas coma poutas de aves depredadoras. Toda a imaxinación dos grandes ilustradores, desde Beardsley a Segrelles, a recolle, sintetiza e renova este inquedo pintor, de fermosísima factura, de cal as criaturas semellan saídas de escenas do "Bomarzo" de Mújica Láinez. Polo tanto, fantasía desbordada, elegancia, soño, escapada constante ós planetas do albiscado, que Arnás concreta sabiamente, con minuciosidade enfermiza de quen domina o oficio.
Pertenceu ó grupo"Nueve Expresiones", integrado tamán polo Vigués Lagares, Daniel Merino e Pina Lupiáñez, entre outros, co que realizou moitas exposicións conxuntas e percorreu Europa.
BIBLIOGRAFIA
Rubio Nomblot, Javier: Nueve Expresiones. Madrid. Edifur, 1994.
Arce López, M.A.: Vicente Arnás. Catálogo. Madrid, Galerías Macarrón y Balboa, 1991.
VV.AA: Diccionario de Pintores y Escultores españoles del S: XX. Vol. 1. Madrid, Edit . Forum Artis, 1994.