VIRXILIO BLANCO "VIRXILIO BLANCO GARRIDO" [Forcarei, Pontevedra 1896 - 1948]
Tivo unha personalidade inqueda, interesantísima e pouco coñecida da nosa plástica, de difusión polo de agora moi parcial e de escasa valoración aínda.
Sendo moi novo emigrou a Cuba, onde se iniciou na pintura. Regresou a Europa e viviu en Madrid e París. Na capital francesa aprehendeu tódolos modos postimpresionistas que caracterizan o seu paisaxismo, en apariencia descoidado e, sen embargo, tan cheo de sensibilidade.
Realizou poucas exposicións, principalmente en Vigo e Santiago. A súa inquedanza intelectual levouno a fundar a revista « Alborear» con Caldera Manzano. Foi bolseiro da Deputación de Pontevedra para unha segunda estancia en París, aínda que esta axuda non se lle renove.
A súa independencia lévao a unha vida bohemia e difícil, con períodos de verdadeira miseria. Os anos da posguerra civil son moi difíciles para Virxilio Blanco, quen, con escaso aprecio para a súa innovadora pintura morre case no esquecemento. Un recoñecemento tardeiro acontece en 1975, cando un grupo de artistas, amigos e admiradores lle dedica unha lápida no cemiterio da súa parroquia natal, onde repousan os restos do malpocado pintor pontevedrés.
A pintura de Virxilio Blanco é moito máis francesa ca galega e mesmo española. Indentifícase cunha etapa intermedia do seu grande paisano Colmeiro, aínda que o de Forcarei vai estrictamente á paisaxe, sen elementos humanos. Debuxa directamente co pincel, en mancha grumosa, firme e sensible. O que falta de perfección aparente nos seus cadros súpleo abondo unha sensibilidade extraordinaria, como acontece con outro grande español case contemporáneo, Hernando Viñes. Todo está abosquexado, como tremente. A paixón pola luz, tenue, nunca estridente, lévao a gammas case neutras, onde destacan uns verdes limpos e un pouco desvaídos. É mestre en ocres e sienas. Determinados espacios urbanos parisinos, coma os xardíns de Luxemburgo, foron motivo constante da súa pintura.
Está representado nos museos de Galicia e mais en importantes coleccións particulares. É probable que boa parte da súa obra se tivese perdido en casas de amigos, os descendentes dos cales non souberon apreciala.
BIBLIOGRAFIA
-Castro, X. A.: Renovación e avangarda en Galicia (1925-1933) Pontevedra, Diputación Provincial, 1986.
-Pablos, Francisco: Plástica gallega.
Vigo, Caixavigo, 1981.
-Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia.
A Coruña, Caixa Galicia, 1987.