CRUZ PÉREZ RUBIDO[A Coruña 1954]
A inefable beleza que latexa na pintura, en apariencia elemental desta artista herculina é consecuencia dunha moi razoada carreira na que está detrás todo o rigor do oficio, pois non en balde logrou segundo e primeiro premios de debuxo no Círculo de Belas Artes de Madrid en 1977 e 1978, éxito que repetiu ó ano seguinte.
Bolseira na súa cidade natal, conseguiu outros galardóns e participa en mostras colectivas moi significadas, entre elas a I Mostra Unión Fenosa,de 1989.
As súas exposicións individuais iniciounas na Coruña, en 1982, e fóronse sucedendo en diferentes cidades de Galicia, en Madrid, e en París.
Está representada na colección da Xunta de Galicia, Museo Carlos Maside de Sada, A Rioxa e outras.
A obra máis significativa desta pintora responde a unha decantación absoluta da realidade, para inscribir, en amplos fondos neutros, vagas referencias formais, como perdidas nunha inmensidade interminable. Quizais nos seus comezos gustou de Paul Klee ou de Malevich, para chegar a esa despidez como infantilizada, un tanto onírica aínda que por completo afastada do surrealismo. A materia está moi traballada, para conseguir texturas suxerentes, en contrastes a penas resaltables. Así, un cadro seu pode se-la insinuación dunha paisaxe, xa que adiviñamos unha construcción poligonal, unha perspectiva de montaña, un vexetal que son catro trazos como torpes. A súa condición de gravadora acúsase na obra de cabalete, deliberadamente críptica, pura sinopse expresiva de conceptos moi elaborados.
BIBLIOGRAFIA
-I y III Mostras Unión Fenosa.
A Coruña, 1989 y 1993.
-Allue, Manuel y Xeoane, Xavier: Cruz Pérez Rubido.
A Coruña, 1990.